CINZA

O texto orixinal ou de traballo en sala de ensaios foi elaborado por Fran partindo dunha idea base: as mulleres que agardan ás aforas da cidade de Troia inmediatamente despois da gran derrota a mans dos gregos. Tras varias lecturas das Troianas de Eurípides elaborou un texto que ten en común con aquel o punto de arranque (o desas mulleres que son botín de guerra) así como algúns dos temas vertidos no mesmo pero que dista moito en estrutura (entre outras diferenzas non se tratou orixinalmente dun texto dialogado), na contextualización (non existen os nomes propios nin as referencias a unha cidade ou enfrontamento bélico concreto), nos personaxes (incúmprese a regra clásica de liga-la traxedia a personaxes nobres) ou na propia historia (quedan moitas incógnitas por descifrar e posibilidades semánticas abertas).
No presente proxecto vértense novas xustificacións que van condiciona-los obxectivos e a actividade na sala de ensaio:
·a posta en escena dunha obra de corte e forma clásica polo carácter formativo e de proba que a caracteriza.
 ·o respecto polo público (presente de xeito xeral na compañía) reflectido na introdución dos distintos temas inseridos dentro dunha historia de maneira subxacente, indirecta ou transversal, e non dun xeito “panfletario”, de maneira que sexan os receptores os que deban completa-lo proceso coa súa propia interpretación: aproveitando o que eles consideren oportuno.
·elaboración de personaxes con profundidade, complexos e que xeren o lenzo no que ir manchando cos temas e as circunstancias comúns e individuais. Procura dun traballo actoral que pasa pola elaboración dunha dimensión interna rica, parella a un traballo de expresión física ben estruturado.
·o traballo sobre as relacións humanas nun contexto opresor: a incerteza, as culpas, os recordos…; todo se amontoa nas cabezas dos personaxes e remata nas súas interaccións.
·incorporación das actrices á dinámica de traballo e a unha maneira de facer teatro.